Alfredo Erias caracterízase por ser un investigador polifacético, o que soamente pode explicarse pola súa historia vital, na que caben subliñar os seguintes aspectos:   
  • Naceu en Presedo, unha fermosa parroquia da comarca das Mariñas de Betanzos, enormemente rica para estudios arqueolóxicos, antropolóxicos e demais. Por outra parte, a súa permanente conexión coa cidade de Betanzos e o feito de vivir nela desde 1981 fan que teña un bo coñecemento dos dous mundos: campesiño e cidadá.   
  • A amizade co Profesor D. Luis Monteagudo García, arqueólogo e filólogo de prestixo mundial, así como magnífico debuxante arqueolóxico, explica en boa maneira o feito de ser tamén debuxante arqueolóxico e os traballos de Arqueoloxía e mesmo de Arte Medieval, aínda que aquí tamén están presentes os seus estudios na Universidade de Santiago de Compostela cos Profesores D. Manuel Núñez Rodríguez ou D. Serafín Moralejo, sen esquecer, o puro pracer estético que sente ó contemplar as grandes e pequenas obras escultóricas da Idade Media, sempre atractiva e misteriosa.  A realización da tese doctoral, centrada esencialmente na iconografía das tres igrexas góticas de Betanzos, explica varios traballos nesta dirección. 
  • Na Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia) a especialización no departamento de Historia Moderna, baixo a dirección do Profesor D. Antonio Eiras Roel, explica os traballos que se moven entre os séculos XVI e XIX.   
  • Os cursos de doutoramento no Departamento de Historia Contemporánea e a colaboración cos Profesores D.Xusto Beramendi e D. Xosé Ramón Barreiro Fernández, xustifican os traballos dos séculos XIX e XX.  
  • Por outra parte, a súa profesión de arquiveiro, bibliotecario, director de museo e dunha revista de investigación, explica outros traballos.

    ***