O FENOMENO DOS ENSANCHES NA CIDADE DE BETANZOS:
1870 - 1920

ALFREDO ERIAS

VISION XERAL PREVIA

Chegamos a este tema a través da destrucción, no ano 1872, da Porta da Vila de Betanzos. Desde aquí empezamos a ver que este feito lamentable pódese enmarcar, non somente nunha corrente de destruccións institucionalizadas en toda a cidade, senon tamén nunha máis xeral que abarca un sinfín de cidades europeas.

Trátase do que podemos chamar o fenómeno dos ensanches que á súa vez forma parte dun complexo frente de cambios drásticos que convertiron a sociedade occidental e, aínda máis, a mundial, noutra cousa moi diferente da que fora nos séculos pasados. Son os "tempos modernos", a máis ou menos "revolución industrial" e os seus subproductos, que van transmutanto a antiga sociedade.

Os ensanches tiveron o seu decisivo ponto de partida no París de Luis Napoleón, máis tarde chamado Napoleón III (1848-1870). Alí o barón Haussman (desde 1853 a 1870 prefecto do Sena) creou grandes avenidas (os "boulevards"), suntuosos parques, distribuiu con método os distritos, construiu un novo sitema de alcantarillado, etc. Era o nacemento da Urbanística moderna. Abríronse así novas perspectivas no desexo de espacio e luz. Aínda se estaba na xestación do automóvil e por tanto hai que pensar en carruaxes tirados por animais, mais as estreitas rúas parisinas xa se vían con graves problemas de tránsito, habitabilidade e hixiene.

A vida empezou a facerse un pouco máis rápida coa entrada en escena do ferrocarril e do telégrafo. Neste París do Segundo Imperio rexurdiu o comercio, a industria e a organización bancaria. Unha certa ampulosidade de escaparate transformou a cidade. Mentres tanto os "boulevards", feitos a base de tirar bairros enteiros, facilitábanlle a Napoleón III, como di Argan ("El Arte moderno", Valencia, 1975, tomo 1, p. 231), a represión das revoltas.

Por unhas ou outras razóns fóronse extendendo estes ensanches levando consigo, en diferentes graos segundo os sitios, un compoñente de moda e outro de necesidade. Así, en Italia é famosa a "Vía Nazionale" en Roma e o "Rettifilo" en Nápoles. En España a lexislación sobre os ensanches amiuda xa desde 1864. Barcelona, Madrid e moitas outras cidades sofriron para ben e para mal este fenómeno.

OS ENSANCHES EN BETANZOS

Pensamos que os ensanches que se deron en Betanzos nesta etapa (último tercio do s. XIX, comenzos do s. XX) teñen algo que ver coa corrente ou moda xeral. Mais, deixando de momento a análise das causas, é preciso, antes de nada, ver cales foron aquí estes ensanches. Documentamos os seguintes (se non se advirte tomamos como base os Libros de Actas do Concello):

{A actual Rúa dos Cabildos fíxose a través do claustro do mosteiro de San Francisco}

ABERTURA DA TRAVESÍA DE SAN FRANCISCO

Tratábase de abrir unha rúa que comunicase a de San Francisco coa da Ribeira. O 30 de novembro de 1872 "se dio cuenta de una solicitud ... por Fernando García y otros vecinos de esta ciudad ... por la que solicitan que la Municipalidad se sirva construir una travesía por el Exconvento de San Francisco que de comunicación a la calle de la Ribera por ser necesaria y de reconocida utilidad para el vecindario..." Esto siñificaba a destrucción do exconvento e máis uns 8 metros da antiga muralla da cidade. Pero, se nos atemos ós datos que facilita don Xosé Núñez no seu traballo "Cien años de la Historia de un Monasterio" (La Voz de Galicia, 15 de Agosto de 1967) e noutros conseguidos por nós, vemos que a destrucción do convento e claustro deuse nun proceso longo entre os anos 1870 e 1878. Antes, aínda, pódense sinalar (Núñez) dúas cousas na liña da destrucción: 1) a desamortización de Mendizábal (RR DD 19 de febreiro e 8 de marzo de 1836), e 2) o derrubamento dun murallón (1840-1843) que despois deu doado acceso ó convento.

De feito, o 20 de febreiro de 1872 falábase da "pared que se está demoliendo del Exconvento de San Francisco" e o 19 de agosto de 1873, transcribe Núñez: "se dio cuenta de los gastos que ocasionó la demolición del claustro y fachada del Exconvento de S. Francisco". Nesta mesma data deuse luz verde á construcción da travesía. Ó se reamatar 1878, só quedaba un montón de pedras.

Parece claro que se este convento e claustro non se destruían para construir a travesía, destruiríase para outra cousa. De feito, a Corporación xa o 5 de abril de 1870, pola intención do Goberno de mellorar as cárceres, considera que "la cárcel de este partido no reúne las condiciones de capacidad, higiene, comodidad y seguridad ni es susceptible de mejora alguna por su reducido perímetro y por hallarse situada en una de las calles más céntricas de la población, rodeada de edificios de consideración a cuyos dueños sería preciso expropiar... y... acuerda que toda vez pertenece al Municipio el que fue Convento de San Francisco por habérselo concedido el Excmo. Sr. Cardenal Arzobispo de Santiago para su demolición por el estado ruinoso en que en su mayor parte se encuentra, se destine la [parte] que no ofrece peligro... a cárcel". Nunca se fixo esta cárcere, mais certamente dúas cousas están claras: 1) do convento co seu claustro gótico non queda alí nada, e 2) a rúa que se pretendía, fíxose.

{A Porta da Vila antes de ser derrubada, segundo debuxo de FJ Martínez Santiso, sobre outro de Faílde. Esta imaxe non a coñeciamos cando se publicou este traballo} {A Porta da Vila, sen arco, pero antes de se ensanchar, a finais do s. XIX}

ENSANCHE DA PORTA DA VILA

O ensanche da Porta da Vila consta de dúas fases: na primeira tírase a porta e inícianse ou prepáranse os traballos de ensanche sobre o torreón que quedou (entrando á esquerda) e casas lateráis, e na segunda fase o ensanche definitivo con cartos que para tal fin deixou como legado D. Xosé Ildefonso Portal Montenegro.

O 19 de xuño de 1865, deuse conta no Concello "por el Caballero Regidor Síndico ... que existiendo todavía a las entradas de esta población las puertas o arcos antiguos de la muralla que la rodeaba y cercaba, la que desapareció enteramente con los edificios que la sustituyeron, y ofreciendo aquellos muy mal aspecto, haciendo difícil la entrada en la población en días de afluencia de gente, cree que para que ésta reciba todas las mejoras de que es susceptible, sería conveniente que la Comisión de Obras o Ornato, acompañada de inteligente que merezca su confianza, proceda a hacer los estudios convenientes para conseguir que dichos arcos desaparezcan ..."

En outubro do 1867 foi incoado un expediente "del cual resulta probada y legalmente declarada la necesidad y utilidad de derribar los referidos arcos y dar ensanche a las entradas del pueblo" (Libro de Actas, sesión do 4 de xuño do 1872). Polas razóns que foran, até o 4 de xuño do 1872 non se desempolvou este expediente, mais a partir daquí os acontecementos sucedéronse con prontitude.

O 27 de agosto do 1872 a Comisión de Obras fala xa da "continiación de derribo del arco y almenas de la Puerta de la Villa" e o 11 de setembro alúdese ós "dos arcos que fueron demolidos y existían en la parte superior de dicha entrada". En calquer caso, o 15 de outubro vemos (tomado de D. Francisco Vales Villamarín, "Un terrible enemigo de Betanzos", A Coruña, 1970, p. 9) o seguinte: "La Comisión de Obras manifestó a la Corporación que habiéndose precedido a la demolición del arco y almenas de la Puerta de la Villa de esta ciudad, propiedad del Ayuntamiento, según y en la forma que se ha determinado ... con objeto de dar más ensanche a la entrada principal de la población, hoy, para que la obra enpezada quede en un estado perfecto y proporcione utilidad conocida al vecindario ... acuerda declarar de utilidad pública el ensanche de la entrada referida, para lo cual se proceda en su día a la expropiación forzosa de parte de la casa de doña Josefa Núñez Rilo y de doña Carmen Somoza...". O 8 de maio do 1874, ainda se fala dos últimos traballos da demolición, mais xa todo está perdido: probablemente, a partir deste momento empezáronse a tirar os soportáis da rúa de Sánchez Bregua.

As causas que se aduciron para a demolición da Porta da Vila foron, en síntese: 1) "Por lo dificultoso que se hacía el paso en este punto con especialidad los días de feria, procesiones y más en que afluye mucha concurrencia a este punto puesto que apena contaba con tres metros de ancho en la que ocupaban los dos arcos que fueron demolidos y existían en la parte superior de dicha entrada" (11 de setembro do 1872). 2) Non se lle dá ás portas da cidade, en xeral, ningún mérito artístico. 3) A estreitura dos arcos era propicia ós roubos. 4) Os escombros que resultasen da demolición considerábanse necesarios para mellorar rúas e prazas.

Unha vez tirada a porta, tardarase moito ata que o ensanche quede definitivamente configurado. Faráse coas 40.000 pts. que deixóu o Sr. Portal como queda dito.

Coñecemos a través de D. Franciscos Vales Villamarín (obra citada) un proxecto de ensanche feito polo arquitecto don Xuan Ciórraga, da Coruña, no 1877. Mais non será o del o que se levará a cabo porque o 23 de novembro do 1903 (véxase o artigo de don Xosé Núñez, "La Puerta de la Villa" en "La Noche", 4º trimestre, 1965) "se dio cuenta del proyecto de ensanche de la Puerta de la Villa formado por el arquitecto Municipal del Ayuntamiento de la Ciudad de Lugo don Juan Alvarez de Mendoza en virtud del encargo que le erncomendó el de este pueblo en sesión de 25 de mayo último..." No 1905 atopamos o ensanche definitivamente feito. Faltaban só os traballos relativos ás alineacións, rasantes e pavimentos, que se farían nos seguintes anos ata culminar no 1911 coa colocación das barandillas e soportes de ferro para o alumado eléctrico tal como hoxe os vemos.

{A Rúa do Castro con un soportal ó fondo que logo desaparecería, a principios do s. XX}

ENSANCHE DA RÚA DE SÁNCHEZ BREGUA (DA PRAZA OU DO CASTRO)

Este ensanche foi, sen dúbida, dos máis espectaculares. Consistiu na destrucción, previa indemnización ós propietarios polo Concello, de case tódolos soportais que cubrían a parte esquerda da Rúa de Sánchez Bregua, da Praza ou do Castro, baixando. Estes soportais ían desde a praza do Concello até empalmar co primeiro tramo da Rúa de Méndez Núñez (antes e hoxedos Plateiros) tamén asoportalado deica o comenzo da Rúa Travesa. En todo ese traxecto, somente o edificio da cárcere, feito no 1776, estaba sen soportais.

O 19 de maio de 1897 lese no Concello un informe feito en febreiro, segundo o cal don Benito Golpe como representante legal da súa muller dona Narcisa Vidal González, pretende facer unhas reformas na súa casa, o número 1 da rúa, e ó mesmo tempo pide "que se le abonen 1.750 pts. por los vuelos o soportales que tiene que perder para ejecutar dichas obras". A discusión deste informe enfrentou a dous bandos de concelleiros: uns estaban a favor de que se tirasen os soportais e se indemnizase ós propietarios, e outros eran radicalmente contrarios á indemnización ó tempo que vían con desagrado que se tirasen.

As razóns dadas polos primeiros poden sintetizarse así: 1) Se o propietario quere tirar os soportais o Concello non debe impedilo sempre que se adopten as normas minicipais vixentes e ademais debe indemnizar ó devandito propietario, posto que os soportais estaban conceptuados xa como expropiables. 2) A consideración xeral de que o ensanche "constituye mejora local importantísima y con la que están muy satisfechos, no sólo todos los vecinos de la calle, sino los de toda la población". 3) Ver o ensanche como necesario segundo as normas de hixiene, "así se observa que todas las poblaciones modernas construyen sus calles dándoles doble o cuádruple ancho". 4) O feito de ver os soportáis como elementos antiestéticos, idea que vén de atrás, a raíz da creación das Academias no s. XVIII das que saíron normativas radicais influidas por concepcións neoclasicistas.

A discusión seguiu e os que se opoñían ó ensanche argumentaron que: 1) Non era necesario por onde estaba a casa número 1 (a seguinte á de Selgas cara ó Concello), xa que alí a rúa "es la más espaciosa de la población". 2) Se o propietario quería reformar a casa, o Concello non debía opoñerse sempre que seguise as normas municipais, mais non se lle debía indemnizar nada. 3) "Que existiendo un mercado en dicha calle [no era conveniente que] se derribasen porque [servían] para guarecerse de las lluvias durante el invierno ... así como en la época del estío le preservan también de los rayos del sol". 4) O Concello no estaba tan sobrado de recursos como para gastar os cartos "en una obra que ninguna utilidad aportaba, cuando estaban desatendidas otras que era necesario reparar".

É preciso dicir que neste ano de 1897 habíanse xa expropiado e tirado a maior parte dos soportais. Documentamos a través desta discusión que somente existen agora soportais "desde el edificio de la cárcel hasta la entrada de la plaza de de Constitución ...". Unha fotografía de época, sen embargo, móstranos que a frase "desde la cárcel" debe entenderse dende o edificio pegado á cárcere polo Sur, que aínda coservaba os soportais e que serían, máis tarde, os últimos en se tirar. Os soportáis da casa nímero 1 foron os penúltimos en ser derrubados, posto que na votación os seus defensores perderon por oito a dous. Hoxe quedan, á beira, dous superviventes, producto da oposición dos seus propietarios a que se tiraran.

ENSANCHE DO CANTÓN DE SAN ROQUE

Este ensanche refírese ó pasep que hoxe existe por diante da capela de San Roque e que vai dar ata o remate do Edificio Arquivo. O 19 de maio do 1897 fálase no Concello de pagar unha conta de 426 pts. "por la construcción de 56 m2 del ensanche del Cantón de San Roque y colocación de asientos en el mismo, en la fuente de la plaza de Cassola, ahora Arines [Praza García Hermanos] y frente al Edificio Archivo".

{A Ponte Vella a finais do s. XIX. Fotografía de FJ Martínez Santiso}

ENSANCHE DA PONTE VELLA

O 19 de maio de 1897 deuse conta no Concello da RR. OO. seguinte: "examinando el proyecto de ensanche del Puenteviejo de Betanzos sobre el río Mandeo en la carretera de Betanzos a Jubia... visto el dictamen de la sección segunda de la junta consultiva de caminos, canales y puertos y de conformidad con lo que en el mismo se dispone, S.M. el Rey ... y en su nombre la Reina Regente del Reino, se ha servido aprobar el indicado proyecto por el importe... de 14.628,46 pts para las obras de fábrica que por su naturaleza especial se harán... por administración y por el importe de contrata de 20.380,55 pts la parte de hierro que comprenden dichas obras..." O 14 de xullo dese ano informouse no Concello de que a "Dirección General de Obras Públicas" asinala o día 19 para subasta das obras do ensanche da Pontevella no que se refire á parte metálica. No 1900 as obras xa están rematadas na súa totalidade.

Temos novos datos o 19 de febreiro do 1904 cando, xa feito o ensanche, téntase cambiar o nome de "Puenteviejo" polo de "Maximiliano Linares Rivas". Algún concellal opina que é mellor que se chame "Puente de Linares Rivas" para honrar ós dous irmáns, xa que "D. Aureliano Linares siendo Ministro de Fomento otorgó esta mejora, pero su hermano D. Maximiliano tomó la iniciativa en este asunto [puesto que]... siendo diputado por este destrito consiguió con su influencia que se hiciese el ensanche". O tema pasa a estudio dunha "Comisión especial designada para llevar a cabo el acuerdo referente al modo y forma de perpetuar el agradecimiento que este pueblo siente por los que han conseguido la mejora del ensanche del Puenteviejo". A ponte non chegou a cambiar de nome e supoñemos que sería esa comisión a que poñería o nome de Linares Rivas á Avenida que hoxe así coñecemos. Convén anotar que por estas datas estase construindo o ferrocarril Betanzos-Ferrol, de longa xestación, na que estes personaxes tiveron moito que ver.

ENSANCHE DA RÚA DA RIBEIRA

O chamado "Ensanche da le carretera Betanzos-Jubia en una parte de la travesía de la Ribera" quedou somente nos papeis, aínda que quizais algunhas casas se viron afectadas dalgún xeito. En calquer caso, os vellos negan todos que houbese alí nengún ensanche.

Sen embargo, o 9 e o 29 de setembro do 1897 fálase no Concello do tema e o 23 de marzo de 1904 deuse conta do "expediente de ensanche de la calle de la Ribera y abierta discusión" e o asunto seguiu outros trámites, mais a través dun concelleiro sabemos algo das características do proxecto, pois manifestou que "estando pendiente de la resolución del Ministro el expediente, ... el ensanche trae la demolición de veinte casas". O concelleiro expón de paso dous tipos de argumentos favorables ó proxecto: 1) Nunha liña xeral e oscura, di que a súa importancia "no necesita demostrarse" e insiste na necesidade de "conseguir una mejora de tanta importancia". 2) Expón así mesmo que "conoce perfectamente el expediente y en él existen dos certificaciones de las que resulta que Betanzos no tiene más de 4.000 almas sin que por tanto tenga que contribuir al pago de las expropiaciones, puesto que sólo tendría esta oblicación si excediese de las 8.000 almas". De calquera forma a idea, ó mellor debido ó seu coste, non debeu de agradarlle ó Goberno e quedou estancada.

ENSANCHE DO ARCO DA PONTE VELLA

Sabiamos que había a idea de tirar tódalas portas ou arcos da cidade, mais despois da Porta da Vila o que realmente correu perigo foi o Arco da Ponte Vella, aínda que, como hoxe vemos, non chegou a ser destruido. Ocurre esto paralelamente ós trámites da segunda fase do ensanche da Porta da Vila.

O 18 de setembro de 1899 "se propuso y la Corporación por unanimidad acordó que la Comisión de Obras [concertase], si es posible, ... con los hermanos del señor Arribe el medio de hacer desaparecer la edificación que existe encima del arco de la calle Pardiñas a fin de demoler éste y ensanchar en aquel punto la entrada de la calle". Mais, como noutros casos, a idea do ensanche non viña só do Concello, senon tamén da xente: así vemos que o 23 de outubro de 1899 "se dio cuenta de una instancia suscrita en 20 del actual por don Manuel Fernández Sas y otros vecinos de esta ciudad hasta el número [de] 64, en súplica de que el Ayuntamiento se digne acordar el derribo y demolición del arco o antigua puerta del Puenteviejo que da acceso a las calles de Méndez Núñez y de Pardiñas de esta ciudad y se fundan para ello en que, por ser aquel muy angosto, impide el tránsito de carros con carga para las indicadas calles y otras del interior de la población, constituyendo por tanto un grave perjuicio para el vecindario, aparte del mal efecto que dice al ornato público". Os argumentos en favor e en contra seguiron, mais houbo un que desbaratou tódolos demáis e vémolo o mesmo 23 de outubro dese ano, cando un concelleiro dixo que "dado el estado del Erario Municipal, consideraba irrealizable ... la obra".

COMPRENSIÓN DO FENÓMENO

Como vimos ata aquí, algúns ensanches, como o da Rúa da Ribeira ou o do Arco da Ponte Vella, simplemente quedaron en proxectos frustrados. Outros, como o do Cantón de San Roque ou o da Ponte Vella, non tiveron consecuencias irreparables. Finalmente, queda o grupo dos que se fixeron cun coste enorme para a integridade histórico-artística da cidade: o ensanche da travesía de San Francisco, que acabou co antigo convento e o seu claustro gótico; o da Porta da Vila, que nos deixou sen a porta máis importante da cidade, e o da Rúa do Castro, que tirou con case tódolos soportais que alí había.

Xa queda dito que hai un paralelismo cronolóxico cos ensanches feitos noutras cidades españolas e europeas. Mais queremos suliñar que Betanzos nesa época non estaba, nin moito menos, illada e, polo tanto, non cremos que haxa dúbida da relación co fenómeno xeral. A situación costeira da cidade co seu porto e a súa vocación comercial, é propicia á interrelación das ideas. Esta situación vese favorecida pola súa proximidade a centros urbanos en crecemento como a Coruña e Ferrol. Por outra banda, non debemos esquencer a importancia da carretera de Castela que ó longo da Idade Moderna foi moi transitada polos maragatos coas súas recuas de mulas: no s. XIX carros e dilixencias acurtan o traxecto debido ás melloras da carretera, xa empezadas no século anterior. Anótese tamén a influencia dos viaxeiros en xeral e dos emigrantes en particular. En 1858 inaugúrase unha oficina de telégrafos en Betanzos, precisamente o ano en que Isabel II pasa pola cidade despois de inaugurar na Coruña os traballos do ferrocarril. Este, o chamado "Ferrocarril del Noroeste", chega a Betanzos Infesta (a uns 3 Km. da cidade), coa súa longa etapa de esforzos e espectación, en setembro do 1883. No 1912 inaugúrase tamén o ferrocarril Betanzos-Ferrol.

Resulta digno de meditación, ó mesmo tempo, o feito da presencia de París en Betanzos, nesta etapa, e somente algúns feitos bastan para velo: 1) Desde o 1867 atópase na praza do Campo, a máis importante da cidade, unha fonte de ferro fundido coroada por unha reproducción da Diana Cazadora de Versalles (Véxase, Vales Villamarín, "Fuente de Diana: breves notas históricas sobre el primer centenario de la inauguración de la Fuente de Diana", Betanzos, 1967) e traída, toda ela, de París a petición do Concello. 2) O 30 de maiodo 1872 constátase a adquisición de "varios efectos para el Instituto de Segunda Enseñanza Libre..." comprados en París a través da "Casa de los Señores Palla y Compañía de La Coruña". 3) O estilo arquitectónico historicista chamado "Segundo Imperio" típicamente parisimo (aínda que exportado a todo o mundo), ten en Betanzos un exemplo claro na casa dos irmáns García Naveira (hoxe "Café Versalles"), feita arredor do 1897 polo arquitecto coruñés Ciórraga. 4) Non hai moito nós mesmos atopamos (na carretera de circunvalación) restos de dúas revistas de moda francesa, unha en castelán do 1875 e outra en francés do 1911, evidencia de que tamén na moda se vestía estilo París (nas altas clases). 5) O "Art nouveau" de orixen francés atópase asímesmo na arquitectura e, sobre todo, en elementos ornamentais por toda a cidade...

En xeral, cremos que os ensanches en Betanzos levan aparellado un certo grao de necesidade, mais sobre todo trátase dun fenómeno sociolóxico: é unha moda, un mimetismo, un complexo de inferioridade que dalgún xeito se asimila á idea de progreso. Porque hai unha cousa clara, e témo-la obriga de dicila: non atopamos na documentación protestas do pobo por estes feitos, mais ó contrario, en diversas ocasións foron grupos de veciños os que desencadearon o proceso.

Os que se opuxeron foron algúns concelleiros, sempre en minoría, e con argumentos que polo regular non atacaban o fondo do problema: en xeral limitábanse a aceptar a necesidade do ensanche de que se tratara, aínda que se opoñían a él por razóns económicas, outras prioridades, etc. Polo tanto, débil oposición na elite e apoio ou pasividade no pobo, propician xestos que nalgúns casos ben poden calificarse de demagóxicos.

Seguindo esta dirección, temos que pensar, por exemplo, que no 1868 empeza en España o chamado "Sexenio Revolucionario", unha etapa crítica que trastoca moitos esquemas do pasado. Así, a Constitución do 1869, a primeira democrática, concede por primeira vez o sufraxio universal (masculino) ó tempo que daba unha declaración de dereitos ata daquela descoñecidos no noso constitucionalismo: libre emisión de pensamento, dereito de reunión e asociación, libertade de cultos, etc. Tenta ademais cambiar a estructura centralista do poder e neste senso a lei municipal e provincial de agosto de 1870 aumenta a autonomía dos concellos. A abdicación do rei Amadeo de Saboya, entre outras cousas, propicia a Primeira República que empeza o seu curto camiño o 11 de febreiro de 1873.

Todos estes cambios, teñidos frecuentemente de sangue, deberon impresionar moito á xente; pénsese que ó longo de moitos séculos a monarquía en España sempre estivo á cabeza do Estado e esto implicou uns esquemas mentais na poboación que agora, de súpeto, aparecían desfeitos. De momento, en Betanzos, picáronse moitas coroas de pedra que estaban en diversos escudos pola cidade, así o imperial de Carlos V do zaguán do Concello, o de Galicia do Edificio Arquivo, o da cidade do Cuartel de Milicias, etc.

Neste contexto, a demagoxia (ensanches igual a progreso) era doado que se dera, sobre todo se había grupos de veciños que presionaban ó Concello como pasou no caso da travesía de San Francisco. Non deixa de ser ilustrativo que fose no 1872 (arredor destes anos conflictivos, pois) cando caese a meirande parte do convento de San Francisco e a Porta da Vila.

El Ideal Gallego, 11/12-XI-1982.