A FESTA RECUPERADA DA ANGUSTIA

Pregón das festas de 1981

ALFREDO ERIAS

{Algunhas cigarreiras da Coruña con Severino Chacón no 1977}

É motivo de grande honra e satisfacción para min poder estar hoxe aquí con todos vós no comezo esplendoroso destas festas. Mais debo dicir, antes de nada, que a persoa que por dereito e sobradísimos méritos debería ocupar esta tribuna, todos o sabedes, é D. Francisco Vales Villamarín. Don Francisco é mozo en espírito, pero os seus noventa anos non sempre lle deixan facer o que el quere. Esperamos que teña moitas ocasións para estar aquí.

Atopámonos, pois, neste lugar, envoltos por unha natureza privilexiada. Ós nosos pés o Mendo e o Mandeo pasan xuntos camiño do mar fertilizando de vida as ribeiras: nelas os cultivos atopan unha terra magnífica. Betanzos, enfrente, na unión dos dous ríos, érguese, mentras tanto, dende a lenda e a historia ollando o futuro con esperanza.

Xunta nós, esta igrexa amósase como un fermoso exemplo da arquitectura barroca en Galicia. Un vello díxome que, cando se estaba facendo, o fillo do constructor caeu e morreu, e dende aquela o pai non quixo seguir traballando no edificio e por eso lle falta unha torre. Non sei se esto foi certo, mais, en calquer caso, a falta desa torre dalle ó monumento un carácter singular, grandiosamente dramático que resulta moi coherente coa Virxe que acolle no seu seo: a Virxe da Quinta Angustia. O historiador don Manuel Martínez Santiso dinos, arredor do 1892, que no 1780 se empezou a reedificación dende os cimentos deste Santurario por conta dun betanceiro que se fixera rico en "ultramar" e que ó morrer no 1783 quedou a obra incompleta: cabe pensar, pois, que esta sería a verdadeira razón pola que non se fixo a torre.

Dito esto, e considerando a intención que a festa ten este ano de recuperar o pasado, vou permitirme expoñer outros datos históricos.

Este santuario está encravado dentro da parroquia de San Pedro das Viñas. O topónimo "villa de Illobre" xa figura en documentos do século VIII e X e, moi probablemente, este Illobre (verba celta indicativa da existencia dun poboado fortificado ou castro) se convertise máis tarde en San Pedro das Viñas. Sería quizáis unha antiga parroquia cun santuario adicado a algún santo que hoxe non sabemos onde foi parar. Por outra banda, a denominación de San Pedro das Viñas debeu refrexar na súa orixe o feito de que a vide era aquí o cultivo máis importante. Unha cousa parecida acontece con San Xiao das Viñas e, un pouco mais lonxe, con San Pantaleón das Viñas.

A vía marítima do camiño xacobeo pasaba por esta parroquia. Viña dende Sada ou Fontán e ía unirse ó outro camiño de Santiago (o que atravesaba Betanzos) nas Cascas, despóis de pasar pola Condomiña e a Magdalena onde había un hospital de lazarados.

Non sabemos dende cando se lle da culto aquí á Virxe da Quinta Angustia, mais o que sí parece claro é que despois do Concilio de Trento, a mediados do século XVI, ou ben se creou este novo santuario, ou, caso de que xa existira, colleu grande importancia, pois é sabido que despois do Concilio, a Igrexa potenciou moito o culto da Nai de Deus.

Acercándonos máis ó aspecto humano ou socio-relixioso que se dá arredor deste santuario, ó longo de conversas cos vellos, cheguei a conclusión de que esta Virxe é, sobre todo, a Virxe das clases que máis sofren da sociedade, é dicir, das clases baixas. Esto, dito así, pódese interpretar de dúas maneiras: para uns, é lóxico que sexa a Virxe das clases que sofren, posto que esta é a Virxe da Quinta Angustia (suliñando Angustia); para outros, quizáis máis puristas e teóricos, a deducción está mal porque a Virxe, co calificativo que sexa, é de todos e non dunha clase.

Como toda resposta, voume centrar en dous feitos que me parecen ilustrativos: o primeiro é unha lenda e o segundo refírese ó fenómeno da devoción a esta Virxe das cigarreiras da Coruña.

A lenda dinos que en certa ocasión, quizáis na segunda metade do século XIX, pasaba por diante do templo un preso acompañado da "Guardia Cilvil". Non se sabe se ía para o cárcere da Coruña ou para o de Betanzos. O caso é que ó chegar diante da igrexa, o preso axoenllouse e pediulle á Virxe que o axudase pois era inocente. Nese momento caeron os griletes que o suxeitaban e supoñemos que máis tarde quedaría libre. Esto considerouse un milagre e os griletes quedaron expostos na igrexa, onde aínda os acorda ver o mestre Vales Villamarín.

O caso das cigarreiras da Coruña é, desde logo, sumamente interesante desde tódolos puntos de vista. Segundo acorda don Francisco Vales, as cigarreiras viñan a este santuario xa a pincipios do século, non sabemos se antes tamén. A grande avalancha, sen embargo, produciuse a partir, aproximadamente, de 1920 (os datos foron recollidos falando con cigarreiras vellas). Por esas datas, na Tabacalera da Coruña había bastantes dificultades: as cigarreiras traballaban moitas horas e estaban mal remuneradas, ademáis de outros porblemas.

Nesta época, proliferan as sociedades obreiristas e as cigarreiras, buscando defender os seus dereitos, quedaron divididas en dous grupos segundo a sociedade á que pertencían: unhas estaban adscritas á chamada "Federación" (tamén a chaman "Confederación") baixo a dirección de Xoan No; e outras a "La Unión Tabacalera" tendo ó frente a Severino Chacón. As primeiras chamábanse as "amarillas" e as segundas as "Chaconeras". O parecer, arredor do 1920 houbo disturbios e unha grande folga: a raíz desto, moitas cigarreiras foron botadas do traballo. Nese contexto, as "chaconeras" ofrecéronse á Virxe da Angustia, pedíndolle que volveran ó traballo as compañeiras despedidas. Conseguírono efectivamente e dende aquela o número das cigarreiras que viñan á Angustia empezou a medrar, convertíndose o fenómeno, dese xeito, nunha especie de peregrinación moderna, saída, así mesmo, de problemas modernos.

Os primeiros anos viñan nun tren especial deica a estación do Norte, e dende alí, por carreiros, chegaban á igrexa. Mais tarde, ó vir os coches de liña, utilizáronos preferentemente. Na Angustia asistían á "Misa de doce", saían coa procesión e despois escoitaban a música no adro. Logo xantaban nunha horta aquí abaixo e, pola tarde, ían Pasatempo e, á noite, ó baile.

Téñenlle regalado ó Santuario varias cousas de valor, por exemplo: unha campana, dous candelabros de prata, paños bordados para o altar, un estandarte, un santo, etc.

Nos últimos tempos da Segunda República as relacións, antes tensas, entre as "amarillas" e as "chaconeras" parece que eran xa boas. Mais a guerra e o novo réxime aniquilaron aquelas sociedades a máis a casa social que tiñan na Coruña, que pasaría a ser sede de Radio Nacional.

As cousas viñan difíciles, pero as cigarreiras seguiron vindo á Angustia. Unha delas, Isabel, díxome que no 1937 botárona da fábrica, xunto con seu pai e outras compañeiras, por "desafecta al régimen". Até once años despóis, no 1948, non poido volver. Isabel ven tódolos anos á Angustia e este ano tamén: ven ofrecida á Virxe, porque lle pediu, agora de pouco, que lle recoñeceran os anos de antigüidade que tiña cando a expedientaron e ó parecer conseguiuno.

Marina tamén estará nesta festa. Con ela pasei un día extraordinario pola Coruña na procura da historia viva das cigarreiras: nunca me vou esquencer da grande bondade que alí atopei. Ela ven tódolos anos porque súa nai, que foi das primeiras "chaconeras", antes de morrer díxolle: "Mira, Marina, vai sempre ás Angustias que a Virxe das Angustias foi a que nos axudou a que as compañeiras volveran a fábrica". Marina sempre que lembra estas palabras de súa nai, emociónase e deixa caer algunha bágoa. Este ano tamén estará aquí

Desde hai uns seis ou sete anos, e sobre todo por motivos de idade, foron sendo menos as cigarreiras que veñen á Angustia, mais os veciños non as esquencen e este ano queren que volvan tanto as vellas como as novas: todas á súa festa, ó seu santuario. Todos queremos que veñan.

Eu adícolles a elas estas verbas e, antes de rematar, quero felicitar á Raíña das Festas pola súa elección, así como pola súa grande simpatía e beleza. Digo o mesmo no que se refire ás súas damas de honra.

!Que pasedes todos moi boa festa!

VOLVER