PREGÓN DA 5ª FEIRA

MEDIEVAL DAS PONTES

(sábado, 13 de setembro de 2008)

ALFREDO ERIAS

Ilmo. Sr. Alcalde, rexedores e demais autoridades, veciños de aquí e de acolá, xentes que vides a esta feira medieval, a esta festa grande.

Chego de Betanzos, é certo, da vosa vella capital de provincia desde finais do s. XV ata 1833. Pero eu non veño trasladar peticións de rendas para a facenda, nin de mozos para os exércitos. Eu traio unha encomenda moito máis doada: a de convocarvos á 5ª feira medieval desta antiga vila das Pontes. E síntome moi honrado por esta invitación.

Porque é unha vila antiga, con fondas raíces. No 1267 xa se documenta aquí o concello e no 1295 sábese que a vila non tiña muralla, pero si castelo que a defendía. Era de reguengo, ubicada en terras que foran do bispo de Mondoñedo. Pero a mediados do s. XIV a guerra civil entre Pedro I e Enrique de Trastamara cambiou as cousas e o novo rei, Enrique II, en pago de servizos no campo de batalla, entregou a vila ó cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel despois de 1369. E poucos anos máis tarde pasaría a poder dos Andrade.

O nome máis antigo das Pontes era “Pontes de Hume” ou “Pontes d’Eume”, en plural, a diferencia de “Ponte d’Eume” (o actual Pontedeume), en singular. Porque aquí debía haber varias pontes xa de vello, herdadas de tempos romanos nos que pasaba xa algunha vía.

Nunha descrición do s. XVIII tamén se nos amosa o carácter aberto que sempre tivo esta vila, lugar de acollida, pero tamén de paso, con camiños que levan ós catro puntos cardinais.

Hoxe a vila é un exemplo de convivencia entre o pasado e o presente. Por iso estamos aquí, porque as formas novas de vida non teñen porque facer esquecer o que somos de verdade. E o pasado temos que coñecelo e mesmo revivilo como agora facemos, para que sempre saibamos de onde vimos e quen somos; sobre todo agora, nestes tempos de globalización nos que por parte de grandes poderes se nos quere reducir a consumidores dos seus produtos impersoais. Mesmo na arte, a ditadura soterrada está a levar a que sospeitosamente boa parte dos artistas do mundo se parezan, nun arte chamado internacional que non ten raíces e que polo tanto pode ser de calquera parte e de ningures.

Nós temos que rebelarnos, porque nós si temos raíces. Nós somos dos pobos máis antigos de Europa, o fin do mundo coñecido, a meta dos peregrinos moito antes de que se falase do Camiño de Santiago. Porque para os antigos Galicia, a onde conducía o camiño das estrelas, era o lugar no que o sol descendía no seu carro cara o mar para coller a súa barca na que navegaba polas tebras da noite do Alén para resucitar vitorioso ó día seguinte. Por iso aquí estaban os portos-santuarios cara á Outra Vida, cara a Illa dos Benaventurados, nos que as almas, segundo crenzas ancestrais, esperaban coller a barca que as levara á resurrección, seguindo a imaxe do deus sol. Ese é o motivo polo que, cando chegaron gregos e romanos substituíron o noso deus Briareo ou Breogán (o alto, o elevado, o forte, o da alta casa) polo seu heroe solar Hércules, que remata aquí os seus doce traballos, vencendo ó noso deus (a historia escríbena os vencedores) que reconvirten os gregos nun xigante hecatónquiro, un monstro, de 100 brazos e 50 cabezas, fillo de Urano ou Éter e Gea. Tanto é así que as columnas de Hércules no estreito de Xibraltar chamábanse antes columnas de Briareo, como nos di Aristóteles. E Briareo ou Breogán é o deus hospedeiro, o que nos abre as portas do Alén, que atopamos en centos de aras votivas en forma de estelas funerarias no Facho de Donón e que seguramente o veriamos tamén en San Andrés de Teixido, en Fisterra e demais embarcadoiros cara o Outro Mundo.

Porque sabede que Galicia foi, e aínda é, un paraíso natural desde a noite dos tempos. Un lugar de acollida cando as eras glaciais cubrían boa parte de Europa. Pero Galicia, temperada polo océano, tivo sempre máis xente que a que podía manter e por iso emigramos. E desde a escuridade da Prehistoria estamos marchando cara a todas partes. En boa maneira, a costa atlántica e as illas británicas están poboadas por galegos. Dicíannos iso os libros medievais, o Libro das invasións de Irlanda, por exemplo, pero confírmano agora as novas técnicas xenéticas dos propios británicos (Sykes, 2006) que recoñecen que a meirande parte dos seus xenes son nosos. E eles, que se chaman celtas, son daquela os nosos fillos culturais.

Dentro da Península Ibérica, case toda celta como boa parte de Europa antes da chegada dos romanos, somos nós precisamente os que máis expandimos os nosos ancestrais valores. E logo, moito máis adiante, na Idade Media, cando houbo que repoboar a Península, tamén fomos nós, sobre todo, os que enchemos de vida Castela ou Extremadura. E non falemos das emigracións máis recentes a América e a Europa. Por iso non debe estrañarnos que compartamos con tanta xente as nosas tradicións, as nosas festas, porque estamos na raís mesma da cultura celta que definía á vella Europa, máis adiante reforzada polo Camiño Xacobeo. Por iso cando vemos a faciana e as modas da nosa xente medieval, estamos diante de europeos. Porque a pesar de ser o fin do mundo, o Finis Terrae, fomos sempre a meta e ó mesmo tempo un centro, un eixe de Europa.

Non hai nada máis forte nin máis definitorio do que é Europa que os camiños de peregrinación a Galicia, terrestres e marítimos. Eles foron desde sempre as veas de comunicación que inzaron os valores que compartimos. Por iso esta festa que lembra tempos medievais ten sentido aquí nas Pontes, porque nos di que toda Galicia ten raíces moi antigas que non se poden nin se deben esquecer.

***

É propio da nosa cultura milenaria que fagamos moitas cousas xuntos. Temos un espírito comunitario forte, a pesar de que a modernidade tamén nos está a facer máis individualistas. Pero todos lembramos eses momentos entre a colleita e a sementeira en que o gando podía pacer en todas as terras, ou os importantes montes comunais, que eran dos veciños, ou ir todos, casa por casa, facendo a malla, ou xuntarse varios campesiños para facer mellor as labores agrícolas... Ou levantarnos xuntos en toda Galicia contra os cabaleiros opresores nas guerras irmandiñas. E que dicir das nosas festas, das romarías, das rexoadas, das feiras e mercados…? Sempre mil motivos para estar xuntos como xuntos estabamos nos castros e logo nos rueiros das parroquias e nas pequenas vilas medievais.

Aquí aínda quedan as feiras do 1 e 15 de cada mes nas que xa non está o gando, pero si todo o demais. E tamén permanecen os “feiríns” dos sábados cos nosos produtos do campo e os campesiños de toda a vida.

***

Pero As Pontes hoxe caracterízase por armonizar o xeito de ser e de vivir do pasado cos adiantos do presente. E así podemos ter os produtos da terra nas feiras e “feiríns”, pero tamén outros mellorados se cabe polas tecnoloxías da modernidade. Por iso cando comemos o queixo e o requeixo da Faeira, o seu sabor e o seu recendo aínda nos trae á memoria o agarimo co que facían eses traballos as nosas nais e avoas.

Outro exemplo de convivencia do pasado máis remoto coa modernidade máis esixente e o famoso mel que atopamos na chamada “Casa do mel” de Goente, modelo de harmonía de máis de 60 apicultores e de amor pola terra, onde se rescatan vellos usos do proceso da mel e se engaden outros para que sexa un produto puro e exquisito. Pero, ó mesmo tempo, ofrécense eses coñecementos a todos os que por alí pasan, en especial ós nosos nenos, que é como dicir ó noso futuro. A eles e ós demais amosan aqueles druídas do noso tempo todo o que saben sen esquecer nada, e de paso fan ver a importancia de coidar a nosa terra, a das Pontes, a de Galicia e a do planeta enteiro para que todos os seres vivos e con eles nós poidamos ter algunha esperanza.

Poderiamos tamén falar da caza. O sepulcro betanceiro de Andrade, do s. XIV, presenta numerosas escenas de montería do porco bravo, aparecendo, por certo, un personaxe encargado da comida e da bebida que tiña lugar no monte. Para Andrade e outros cabaleiros dese tempo era unha maneira de presentarse diante da sociedade como heroes antigos. É dicir, como os heroes da Ilíada e da Odisea. Aquí, nos montes das Pontes, aínda quedan porcos bravos, corzos e outros animais e quedan bos cazadores, aqueles que non matan máis do debido porque queren e respectan a natureza.

Que se come ben nas Pontes xa o sabemos. Todos os pratos tradicionais do país fanse aquí como en ningures. E, para rematar unha boa comida ou para cando a un se lle ocorra, xa sabedes que temos as famosas mantecadas das Pontes.

***

Comamos e bebamos pois con xeito, veciños; dancemos ó son da música medieval; esquezamos as angurias e os malos humores; contémonos unha vez máis eses contos argalleiros, esas trasnadas de rapaces, esas falcatruadas que tanto nos fan rir. Porque hoxe é día de festa, de festa medieval que, polo tanto, hai que facer á vella usanza. É día de irmandade. Así nolo ordena a autoridade e debemos dar, polo tanto, o debido cumprimento.

Hoxe aquí non hai febles nin poderosos, ninguén é máis ca ninguén. Homes e mulleres, vellos e rapaces, fidalgos, campesiños, mariñeiros, cregos e artesáns, mercadores, xentes de letras e de números, recolectores de mel ou cazadores…, teñen todos sitio nesta praza, nestas fermosas rúas para festexar a vida, a amizade.

Amigos das Pontes e de calquera parte que aquí estades: polo poder que en min delegou o voso Concello, eu convócovos a esta feira de ledicia, a esta festa de todos e para todos.

Viva a feira medieval das Pontes!


VOLVER