Pregón das Festas do Socorro
-Carral, 1991-
Ilustrísimo Señor Alcalde, autoridades, amigos todos de Carral: Quero antes de nada agradecer ó voso Concello, e particularmente a Vostede, Sr. Alcalde, o feito de me invitar a estas festas tradicionais e fermosas para pronunciar o seu pregón, porque é para min unha honra que non esquencerei. As miñas verbas quixera que serviran hoxe aquí para dúas cousas: primeiro, para que poidamos compartir algúns coñecementos novos da historia antiga de Carral, e, segundo, para subliñar publicamente a importancia histórica que para Galicia ten un dos vosos paisanos e, aínda máis, un dos vosos alcaldes: D. Francisco Javier Alvajar López.
O verán pasado sorprendinme, en compañía do Profesor Don Luis Monteagudo e máis do voso veciño e antigo Alcalde, Don Victoriano Vázquez, a quen desde aquí quero manifestarlle o meu agradecemento e a miña amizade, da existencia en Paleo de restos arqueolóxicos visibles a simple vista e que supuxeron para min o inicio dun traballo de prospección e algunha puntual excavación que ven de publicarse no último número do Anuario Brigantino, que edita o Concello de Betanzos.
Como resultado, pode hoxe dicirse, para empezar, que temos a testemuña de que no val de Paleo había xente asentada e dedicada á agricultura, entre outras actividades, arredor do ano 2500 antes de Cristo, posto que Don Victoriano Vázquez atopou cerca do cruceiro un machado de pedra pulida que, pola súa tipoloxía, pertence ó Megalitismo Pleno, é dicir ó mundo das mámoas ou dólmenes, lugares de enterramento que non hai moito aínda se conservaban no Monte de Xalo.
Pasan os séculos e os milenios e volvemos ter nesa zona datos seguros doutros asentamentos: neste caso trátase de xente que vivía nos castros. Porque alí, xusto por cerca da igrexa cara ó Sur, á beira da carretera, existe un castro, aínda que non atopei nadie de Carral que tivera noticia diso, pero existe seguro, por máis que semidestruido, posto que quedan parte das murallas e porque apareceu o anaco dun muiño de man redondo, típico do mundo castrexo-romano. Pero probablemente haxa aínda máis castros na zona que se descubrirán cando se continúen as exploracións.
Sería esta unha xente que, vivindo sempre ou só en momentos de perigo nos castros, traballaría o val con utensilios de ferro semellantes ós que aínda hoxe se utilizan. O caso é que nas últimas centurias, antes da nosa era e nas primeiras da mesma, debía haber alí unha poboación importante, sostida pola riqueza do val, ademais de pola caza e a pesca.
En época romana o altomedieval existía, pois, un pobo con casas, que foron aumentando desde os castros dos montes cara ó val. Compróbase que nos cortes das terrazas que están á veira do camiño, hay restos de construccións: tégulas, ladrillos, pedra solta, sillares de cantería nalgún caso, etc. Compróbase tamén a existencia de cacharros de barro, fichas de xogo de nenos, sepulcros...
Foi curioso que o primeiro día xa vimos no adro da actual igrexa algúns ladrillos de características romanas postos pola xente enriba das sepulturas.¿de ónde viñan? A resposta atopámola á beira da carretera un pouco máis abaixo do cruceiro: os ladrillos eran utilizados para construir sepulcros nunha necrópole, é dicir nun cemiterio antigo, quizais non alleo ós castros e desde logo de época romana e /ou altomedieval, que existe na terraza onde se atopa o cruceiro. A existencia dalgún sillar de cantería na zona pódenos levar a pensar que neste lugar sagrado estaban os primitivos espacios de culto: outeiro (altarium), templo romano, igrexa visigótica, etc.
En calquer caso no ano 830, é dicir a comenzos do século IX, temos constancia documental da existencia da igrexa de Santo Estevo de Paleo.
En fin, éstes e algúns datos máis lévannos directamente a unha conclusión: a que tedes razón vós, sobre todo os que xa tedes algúns anos, cando dicides que existiu o pobo de Paleo xunto á igrexa vella e ó cruceiro. Queda claro tamén que dalgún xeito ten sentido a lenda de que Paleo se afundiu na terra. Quizais non fora por correntes subterráneas de auga nin por terremotos, como ás veces oín, pero alí estaba e agora non está á vista. Sen dúbida, o moito tempo pasado e os cambios de intereses na xente expliquen o desplazamento da poboación de Paleo ata o que hoxe é Carral, á beira da importante estrada que vai da Coruña a Santiago de Compostela.
***
E chegado a este punto, quero falarvos agora doutro tema que tamén vos concerne a vós e á vosa historia, e meso á historia de Galicia, aínda que corresponda a tempos máis modernos, case presentes.
Por desgracia, sempre se fala de Carral como o lugar dos famosos mártires da libertade, no 1846, pero eu négome a repetir aquí agora esa historia tristeira, sobre todo porque tamén Carral tivo e ten algo que dicir máis positivo para Galicia, a través dun dos seus homes, e máis concretamente do seu anterior Alcalde, Don Francisco Javier Alvajar López.
Alvajar naceu na Coruña no 1920, no seo dunha familia ilustrada e comprometida con altos ideiais políticos.
Movilizado no 1938, en plena Guerra Civil, pasouse ós 5 días de chegar ó frente, ó Exército Republicano.
Os italianos fixérono prisioneiro no porto de Alicante o último día da guerra (30-III-1939), sendo levado ó Campo de Concentración de Albatera de Catral, de onde se escapou ós 15 días cara á Coruña, lugar no que se recibiu a conseguinte orde de arresto inmediato contra el, pero puido eludila, vindo para a casa duns amigos en Mercurín (Anceis, Cambre), onde permaneceu tres anos, facendo vida normal e acercándose a Tabeaio onde tiña bos amigos.
Marchou máis tarde a Barcelona, entrando alí en contacto coa Asociación GALEUZCA, que o axudou, intentando pasar a Francia, cousa que por aqueles tempos (1942-43) lle resultou imposible, por estar totalmente ocupada polos alemáns.
Ó rematar a Segunda Guerra Mundial voltou a Mercurín e presentouse ás autoridades cando Franco, obligado polas circunstancias internacionais, promulgou un indulto.
Nese tempo casou en Tabeaio con Dona María Josefa Castelo Gómez. Pero as autoridades encargáronse de facerlles a vida imposible e marcharon por fin a Francia.
Alí é onde o papel de político de Don Javier, primeiro axudando a seu pai, que sería o Delegado do Consello de Galicia en Europa desde 1958, e despois, á morte do pai, D. César, no 1965, ocupando el mesmo ese cargo, se destacou de maneira exemplar en defensa dos intereses de Galicia, nun mundo de exilados que seguían loitando polas súas ideas e que contribuiron grandemente a que se establecera en España un réxime democrático que recoñecera as nacionalidades históricas, entre elas Galicia, dentro do sistema autonómico que agora temos e que xa xermolara na Segundo República.
O Consello de Galicia, fundado por Castelao e outros ilustres galeguistas no 1944 aglutinaba tódalas forzas políticas galegas do exilio. Para Europa a súa Delegación residía en París.
Salvando innumerables dificultades os dous Alvajar, pai e fillo, conseguiron que o "Consello de Galiza" fose admitido no Consello Federal Español do Movemente Europeo, que presidía Don Salvador de Madariaga, a principios dos anos sesenta, asistindo desde aquela a tódolos congresos e reunións importantes e mantendo así viva a presencia internacional e as reivindicacións de Galicia.
Tamén, nesta liña, lograron que o "Consello de Galiza" fose admitido no 1969 na Unión Federalista das Comunidades Étnicas Europeas.
Nin que dicir ten que no arquivo de Don Javier se atopan cartas das máis significadas personalidades daqueles tempos, como é o caso de Madariaga, Gordón Ordás, Valera, Tarradellas, Leizaola, Suárez Picallo e un sinfín de galegos ilustres ...
Pero Don Javier Alvajar tivo tamén un papel destacado dentro do Goberno Republicano Español no Exilio, do que foi desde 1957 a 1965 Secretario do Ministerio de Información e desde 1967 a 1969 Secretario da Presidencia, tendo tamén ó seu cargo os servicios de Secretario Contable do Ministerio de Facenda desde 1957 a 1969.
No 1957 foi nomeado Canciller Honorario de Consulado, adscrito ó Consulado Xeral da República.
A el débese ademais a fundación da Casa de Galicia en París e así mesmo foi o primeiro Presidente do Fondo de Axuda ós Republicanos Españois ó tempo que presidía a Agrupación Republicana Democrática Española de París (ARDE).
Difícil será que haxa algún exilado en problemas que non acudise á casa de Alvajar na capital francesa.
Por sorte, puiden convencelo para que dése a coñecer todo o que el viviu no exilio e xa está publicada a historia da Delegación do Concello de Galicia en París nos tres últimos Anuarios Brigantinos. Estou seguro de que, a pesar da súa enfermidade, continuará escribindo moito do que aínda falta por contar e que resulta de todo punto necesario para que Galicia saiba que detrás dos logros actuais está o sacrificio de moita xente, que como no caso de Don Javier, soportouno todo en defensa dos seus ideais.
Desde aquí, neste día de festa para Carral, quedo mandarlle a Don Javier Alvajar e á súa dona os meus mellores desexos e a miña mensaxe pública de admiración.
Só me queda decirvos que quixen xuntar hoxe aquí algúns aspectos do pasado remoto e próximo de Carral e desta forma animarvos a que sigades progresando, como é evidente, pero sen esquencer que estamos marcados polo pasado e que detrás de todo éxito colectivo hai sempre algún sacrificio impagable.
¡Boa Festa para todos!.