PREGÓN DA FESTA DAS CASCAS

(9 de xuño de 1995 ás 21, 30 da tardiña)

ALFREDO ERIAS

Amigos das Cascas e de calquera outra parte que estedes aquí:

É un motivo de honra para min ter sido convidado a pregoar estas festas, que, por outra parte, tamén son as miñas, como veciño voso que son, nas terras do Frade.

Este barrio das Cascas é moderno e vello á vez; mesmo na Condesa, onde estamos, vemos un nome de lugar moi antigo, por máis que hoxe nomee unha urbanización de a penas unha década de existencia.

Antigamente a maior parte dos veciños eran labradores, pero souberon tamén pasar ó mundo do artesanado, da empresa e da industria, como é ben visible. A xente das Cascas é traballadora e honrada, creativa e, polo tanto, emprendedora. Á beira do ancestral río Mendo, os que aquí viviron e viven, sintetizan tódolos sectores da economía, desde o campesiño ó industrial, pasando polo puxante sector servicios. Pero debedes saber que esta síntese, aínda que acentuada nos últimos anos, non é de agora. Porque o propio nome das "CASCAS" é unha referencia artesanal e mesmo industrial antiga, posto que alude á actividade dos curtidos de peles, onde a casca, sobre todo a de carballo, era utilizada, despois de ser moída por muiños de auga, ou sexa, por aceas, para apelambrar, é dicir, para quitar o pelo as peles.

Non hai que esquencer que curtidores houboos na cidade desde que ésta existe; curtidores que en moitos casos eran tamén zapateiros. A mediados do s. XVIII había 15 curtidores e no XIX xa atopamos fábricas en toda regla: a de D. Marcelino Etcheverría na Magdalena; a de D. Juan Pedro Lissarrague Etchard no Carregal; a de D. Salvador Montoto en Tiobre; a de D. Bautista Mendiburu en Requián, etc. En definitiva, constatamos que o Campo ou Campón das Cascas, á beira do actual Lavadeiro, era o lugar de depósito desa casca de carballo e daí, desa función antiga, deriva o nome que chega ata nós.

E xa que falamos do Lavadeiro, desde logo hai que dicir que é hoxe un auténtico momumento. Proxectado polo enxeñeiro Pan, seguindo as ideas dos irmáns García Naveira, ten unha referencia estilística ó Edificio Arquivo da Praza do Campo e, polo tanto, estamos diante dun caso de historicismo neoclásico, pero, ó mesmo tempo, utiliza na súa estructura algo típico do momento como é o ferro, que tan de moda estaba coas obras de Eiffel e outros e que constituía a base da arquitectura chamada dos enxeñeiros. É, polo tanto, ese edificio unha combinación maravillosa de tradición local e modernidade internacional.

Por certo que, segundo recolle un periódico da época, as lavandeiras tardaron en utilizar este edificio e iso deu cábalas a múltiples suposicións. Os máis atravesados dicían que o Lavadeiro era unha obra monumental excesiva e xustificaban a súa inutilidade na actitude remisa das lavandeiras. Pero tamén houbo algún avispado que argumentou que se as lavandeiras non lavaban alí non era por deficiencias do edificio, senon polo simple feito de que nel non poderían lucir as súas pernas ben feitas.

Bromas aparte, aí está o Lavadeiro funcionando aínda hoxe, a pesar da existencia das lavadoras e secadoras eléctricas, un monumento á xenerosidade e á utilidade social que todos debemos coidar para que conserve o esplendor que merece, por ser único, fermoso e un edificio popular onde os haxa, feito, nembargantes, con toda a dignidade e riqueza de materiais que eran máis propios das clases altas.

O barrio das Cascas é un cruce de camiños antigos. Un deles, o que vai cara ó Sul aínda permanece hoxe na Rúa do Rollo e na fermosa Ponte Vella das Cascas, de orixe medieval. Era esa a vía principal que cruzaban os pelegríns que ían a Santiago e toda a xente que ía e viña ás feiras de Betanzos. Pero ese camiño é tan antigo que se o seguimos por Requián, Limiñón, Cos, Meangos, Presedo, Leiro e Vilacoba darémonos conta que está rodeado por castros, o que nos leva a pensar que a orixe do camiño é aínda anterior, quizais de aproximadamente 2.000 ou 3.000 anos antes de Cristo. E, naturalmente a xente dos castros non fixo máis que situarse estratexicamente arredor del (recordemos que Betanzos tamén está sobre o Castro de Unta) e logo os romanos convertírono nunha das súas vías, que máis tarde sería un dos camiños de Santiago máis principais.

Dígovos todo isto porque moitos de vós viñestes recentemente a vivir e traballar para este barrio e, máis concretamente para a Condesa, e considero que coñecer algo das raíces antigas deste lugar fará que o queirades un pouco máis e, mesmo, que o saibades defender mellor, se é necesario.

Por exemplo, todos dicimos agora "A Condesa" como se fose a cousa máis natural do mundo. E mesmo nos parece un nome moderno, porque se asocia á nova urbanización. Pero xa dixemos que ese nome é moi antigo. Estaba aplicado ás leiras e montes que aquí había, e ten a súa orixe, nada menos, que no século XII cando o conde D. Bermudo Páez donou á súa filla Dª Urraca (a condesa que de aquí quedou memoria) o mosteiro chamado de donas (é dicir, de mulleres). Esta Dª Urraca donaría o mosteiro e a igrexa anterior de Santa María de Donas ó mosteiro cisterciense de Sobrado no 1145. Os seus dominios ían de Bergondo ata Cines e, naturalmente, dentro deles estaba a vila de Untia, antes de que sobre ela se asentase Betanzos no 1219.

Isto quere dicir que ese edificio ruinoso que vemos aquí, no chamado cruce das Cascas é o que queda dese mosteiro: un edificio sinxelo, é verdade, sen grandes filigranas arquitectónicas nin escultóricas, pero é o edificio máis antigo que Betanzos ten en pé. E eu teño que dicirvos hoxe aquí que debemos facer que esas pedras collan vida outra vez, porque os edificios antigos para isto son moi agradecidos. Fixádevos no ben que lles sentaron as rehabilitacións ó convento de Santo Domingo ou ó que quedaba do de San Francisco. Teñen algo estas construccións doutro tempo que, a pouco que as coidemos nos chega moi fondo. E isto é porque, saibámolo ou non, elas conservan o espíritu dos tempos pasados, a maneira de construir que coñeceron por séculos os nosos canteiros, a forma que todos recoñecemos como casa e que hoxe, coas novas e moitas veces desraizadas arquitecturas, non sempre vemos doadamente.Pero, sobre todo, conteñen unha parte fundamental da nosa historia como pobo.

Polo tanto, fagamos un esforzo e levantemos con algunha utilidade social para os nosos días ese edificio antes de que se caia de todo. Porque tamén vos direi que a destrucción que o persegue xa ven de lonxe, posto que a igrexa foi destruida en febreiro de 1879 cando se empezou a construir a Carretera da Estación, así chamada ostentosamente porque ía á Estación do Norte. E ¿Por que a Estación do Norte estaba ó Sul? Pois porque ese Norte non era nin é unha referencia xeográfica, senón que aludía á "Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España". A carrilana de Ginés Almodóvar fixo por moitos anos ese traxecto de Betanzos á Estación, pero desde o 24 de maio de 1901 xa será un automóvil da empresa coruñesa "La Ferrocarrilana" a que tamén fará ese servicio: unha nova era, desta maneira, empezaba, a dos automóviles, e os veciños das Cascas foron espectadores de excepción. Pois ben, esa carretera é hoxe, en parte, a Avda. Jesús García Naveira, nome que se lle puxo o 11 de xuño de 1912, pouco despois da morte deste benefactor, ocurrida na Arxentina o 24 de marzo.

O caso é que a destrucción da igrexa das Cascas deixou orfa de contido relixioso á romaría do San Roque Pequeno do día 17 de agosto e esa foi a orixe dos Caneiros, que pronto se pasarían ó río Mandeo, permanecendo hoxe como unha romaría aparentemente pagana, pero que non o era, ou non o era tanto, na realidade. Os Caneiros, pois, o que fan é canalizar unha corrente popular anterior, a romaría dun San Roque paralelo máis proximo ó pobo e tamén unha serie de funcións sociais propias, tales como bailes, comidas campestres, paseos, globos, foguetes, etc., que estaban enraizados nese día 17 de agosto nas Cascas.

Por exemplo, o 17 de agosto de 1886 documentamos esta romaría popular do San Roque Pequeno aínda nas Cascas, a pesar de que xa non estaba a igrexa. A xente ía igual alí e así o faría, polo menos ata 1899. Aquí chegaba daquela a Banda de Música a iso das seis da tarde e logo facía un baile ó que asistía moita xente, habendo ó mesmo tempo un concurrido paseo, que era unha das modas da época, para finalmente voltar todos ás súas casas, ó tempo que se lanzaban globos de cores e foguetes.

Curiosamente, a partir de 1900, deixouse de facer esa romaría nas Cascas e pasaronse a facer outros actos festivos na Praza de Enrique IV e arredores da Ponte Vella. A excepción foi o ano1902 cando se volve ás Cascas co agallo do acto de entrega do Lavadeiro ó pobo de Betanzos por parte dos irmáns D. Juan e D. Jesús García Naveira. Aquí veu ese día o Concello en pleno, as autoridades todas da cidade, as danzas, a Banda de Música, os gaiteiros e a multitude de xente que ben pode imaxinarse. Os actos deberon ser tan apoteósicos que, a partir daquí, colleuse o costume de facer as grandes inauguracións o 17 de agosto. E así, esa data, pero de 1908, foi a escollida para colocar a primeira pedra do Asilo e Escolas García Naveira e, moito máis tarde, no 1934, inauguraríase a traída de augas á cidade.

En canto á devoción a San Antonio de Padua, que agora festexamos, semella que é antiga no lugar, probablemente contando cunha capela na desaparecida igrexa. De tódolos xeitos, tamén foi afectada gravemente esta festa ó perderse o lugar de culto que lle era propio. Pero, aínda así, con intermitencia, os veciños das Cascas en todo o século XX non esquenceron que esta era a súa festa do barrio e, sempre que poideron, fixérona. Agora, que somos moitos, e que, polo tanto, precisamos lazos de identidade máis fortes, a nosa vella festa nunca esquencida, tamén se recupera e con ela dicimos a tódolos que nos queiran oír que somos das Cascas, que estamos vivos e que temos uns signos antigos propios que nos identifican, tanto cara a nós mesmos como cara ós de fóra.

E chegados a este punto, é hora xa de empezar de verdade a festa e para iso vouvos presentar unha persoa que todos coñecemos e queremos, un veciño noso chamado D. Francisco Casal Espiñeira, PACO CASAL. E vóuvolo presentar porque, quizais haxa aínda algún despistado que non o coñeza e tamén porque, como músico que é, será unha creación súa, nada menos que A MUIÑEIRA DE BETANZOS, interpretada polo GRUPO AZOUGUE a que, en riguroso estreno, iniciará estas festas.

Na miña casa de Presedo, onde nacín, desde pequeno sempre oín a meu pai dicir con orgullo que o gran músico Paco Casal saíra a tocar con el. Moito máis tarde aínda tiven a ocasión de admiralo como batería cando estaba xa a punto de retirarse.

Paco Casal empezou a tocar coa Orquesta Radio o 16 de xaneiro de 1949 en Meangos e en competencia, continuando coa Gran Casino. Despois dun ano e durante os seis seguintes, pasaría a integrar famosas orquestas de Ferrol, como a Bolero e a Saratoga. Logo do servicio militar, estivo tres anos nos Satélites da Coruña, para emigrar a distintos países europeos e de Oriente Medio, tocando con diversos grupos, entre eles, o que el dirixía, Os Vieirantes, retirándose coa orquesta de jazz suiza de Lou Andrini. Foi reclamado por orquestas de fama mundial, como a de Xavier Cugat, aínda que non sempre poido actuar con elas por imposibilidades de calendario e, se hai aquí alguén (que o hai sen dúbida) que o vira tocar, sabe que non esaxero cando digo que estamos a falar dun dos máis prestixiosos baterías que deu Galicia á música popular europea entre 1949 e 1966. Porque foi neste ano, o 30 de setembro, cando a poderosa morriña betanceira poido con el e decidiu retirarse para rexentar o seu prestixioso restaurante, que todos coñecemos á beira do Mendo. Aínda despois, no verán de 1970, tocou cos Trovadores da Coruña, momento que eu lembro persoalmente.

Pero Paco Casal non podía retirarse da música, porque é a súa vida, necesitaa como o ar que respira para vivir e, a partir dese momento, incrementou outra das súas facetas musicais, a de compositor, sendo hoxe máis de 250 temas, con música e letra, os que ten compostos, dos que 38 foron gravados por famosos artistas. Recibiu diversos premios en festivais da canción e é frecuente escoitar algún dos seus temas na televisión ou na radio en voces de intérpretes ben coñecidos por todos.

E hoxe está aquí Paco, coa súa simpatía persoal de sempre, ofrecendo ás Cascas, a Betanzos e a Galicia a súa muiñeira, unha peza fermosa, que el dedica con agarimo a seu pai, que foi gaiteiro nos seus anos mozos, e naturalmente a todos nós. Escoitemos, pois, a MUIÑEIRA DE BETANZOS e disfrutemos da festa de San Antón das Cascas.

¡Boas festas para todos!

VOLVER