PREGÓN DA FESTA DO

VIÑO DE BETANZOS

(7 de maio de 1999)

ALFREDO ERIAS

¡Excmas. autoridades, donas e señores, amigos todos! O viño está enraizado na nosa historia desde o nacemento da agricultura no Neolítico e o conseguinte xurdimento de poboacións estables. Procede de Asia ou do sureste de Europa.

A vexetación coa chegada do bo tempo dá os seus froitos. Pero o home por moitos segredos que coñeza para o cultivo das plantas, precisa de forzas superiores. Por eso as colleitas de calquer tempo adoitan estar cinguidas a festas e a manifestacións relixiosas nas que se dá gracias a Deus. E poucos cultivos están tan ligados a Deus como o do viño. O coñecemento segredo de como cultivalo acostuma estar relacionado con deuses, coma Osiris en Exipto, Dionisos en Grecia ou Liber (asimilado ó Baco grego) en Roma.

Estou certo que algo das festas da vendima dos antigos queda aínda en nós, sobre todo das "vinalia" e máis concretamente da "vinalia priora" do 23 de abril, que celebraba a chegada do viño novo, en honra a Xúpiter, como deus do bo e do mal tempo.

En Grecia o viño simbolizaba o sangue de Dionisos, representando o licor da inmortalidade. No Cristianismo non só simboliza o sangue de Xesucristo, senon que se converte nela para os crentes, no sacrificio da Misa.

No Israel bíblico do Antigo e do Novo Testamento o pobo identifícase coa viña de Deus, onde éste, Deus Pai, é o viñador, o agricultor; Xesucristo é a cepa, e os discípulos os sarmentos. O viño é sangue (pola súa cor), pero tamén esencia da planta e elixir de vida e de inmortalidade, símbolo de coñecemento e de iniciación e, na Biblia, de ledicia e de tódolos bens que Deus deu á xente.E o Apocalipse simboliza o Xuizo Final coa imaxe dunha vendima xigantesca.

Lembro ben a Primeira Feira do Viño de Betanzos en abril de 1986 que agora se perde na memoria e que sembrou a semilla dunha manifestación festiva e económica que xa nunca máis se perdeu. Lembro os apuros de D. Tomás López Loureda, D. Andrés Cachaza e D. Luis Otero para que todo saíse ben. Daquel momento aínda queda un fermoso tríptico que falaba das bodegas de Betanzos. Quede este recordo como o meu humilde homenaxe para eles.

Pero se empezar ten mérito, ten tanto ou máis continuar e, desde logo continuouse. Porque o noso viño está moi dentro do noso ser, da nosa historia.

O cultivo ancestral da viña aparece testemuñado por Estrabón cando di que o viño escasea (non que falta) nos pobos do norte da Península. Pero ademais a arqueoloxía dinos que hai no noso contexto xeográfico restos de ánforas vinarias romanas.

Con maior precisión sábese que se expandiu nos vales abrigados e nas zonas costeiras de Galicia desde os séculos XII e XIII, debido á colonización monástica e ó nacemento das vilas. É precisamente ese o momento no que a xente de Betanzos o Vello se traslada a esta Vila de Untia (no ano 1219) para formar desde aquela a Vila e despois cidade de Betanzos. As viñas non só cubren grandes extensións de terreo, senon que o viño sustituiu definitivamente á sidra altomedieval. Mesmo as casas campesiñas aproveitan tódolos espacios posibles, na eira e no curral, para cultivar baceis.

Sen pormenorizar en exceso, da importancia do viño no Betanzos da Baixa Idade Media dá conta o feito de que a primeira ordenanza municipal que se coñece (de 1490, pero ratificando outra antiga) refírese á preferencia dos viños da cidade e arrabales no mercado, prohibindo que se trouxeran, e mesmo que se beberan, viños de fóra. Desta maneira protexíase o noso viño, permitindo a súa entrada dentro das murallas da cidade desde o primeiro día da vendima ata o día de San Martiño.

Máis tarde, nas Ordenanzas de 1591 o Concello sinalaba o día en que tódolos veciños podían inicia-la vendima en cada montería, castigando ós que se adiantaran. Castigaban tamén o roubo de cepas e de uvas. As mesmas ordenanzas obrigaban a toda persoa que vendera viño a poñer o ramo de loureiro na porta, símbolo antigo de pureza e de peremnidade, para que os cobradores do imposto de alcabalas o soubesen e o poidesen medir e rexistrar. Neste caso tamén se obrigaba a ter medidas fiables. Por certo que se castigaba a quen tivese naipes nas bodegas e tabernas, porque ó parecer pola afición de xogar había frecuentes escándalos, sen contar o feito de que moitos labradores deixaban de traballar por xogar.

O século XVIII é o da expansión máxima da viña, fenómeno que se coñece como "febre do viñedo". É a época de provisións da Real Audiencia de Galicia a favor da conservación das viñas e contra o gando solto, sobre todo vacas e cabras que tamén gostaban dos racimos. O inicio da vendima seguía a estar regulado pola autoridade e castigábase a quen se adiantase. Algúns creron que por te-las viñas en fincas pechadas non lles afectaban as ordenanzas, que eso era só para as monterías, pero a xustiza non lles deu a razón.

Nin que dicir ten que o gremio de labradores, de orixe baixomedieval, e de antecedentes romanos nos "negotiatores vinarii", era moi importante xunto coa súa cofradía de San Antón Abade, e hoxe, moito despois da súa desaparición oficial, aínda vemo-la súa danza nas festas de San Roque e noutras, perpetuando o espírito dos antepasados.

A demanda de viño trouxo cepas de maior producción, pero menor calidade, cousa que se complicou co ataque do oidium ou cinza no 1854 e da filoxera no 1907 que obrigou á renovación de moitas cepas, aínda que algunhas resistiron ata os nosos días.

Por fin, o viño de Betanzos vive de novo un tempo brilante e, sobre todo, esperanzador. Hai hoxe tres asociacións que procuran o seu estudio e mellora. Precisamente unha das persoas que máis participou no nacemento da feira do viño, D. Luis Otero, foi quen me serviu de guía para un mellor coñecemento desta realidade actual.

Entre os viños blancos, o BLANCO LEXÍTIMO é a variedade mítica, a que se pode calificar de excelente, e que se está a recuperar por varios colleiteiros. É o viño do que falaban os nosos avós. Descoñecido no resto de Galicia e que quizais sexa un Chardonay francés, poidérono traer os monxes cistercienses de Monfero.

Outros blancos prestixiosos son o AGUDELO e o GODELLO, afrutados, pouco acedos e con boa graduación alcohólica.

Introdúcese tamén hoxe o Albariño, que se dá ben, pero non é noso. E tamén persiste o Palomino ou "Jerez" de inferior calidade.

Entre os tintos, as variedades lexendarias, en proceso de se recuperar, son: o ROIBAL e o SERRADELO. A facilidade con que foron atacados pola enfermidade chamada "podre" (botritis cinérea) explica que quizais foi sustituido no pasado pola variedade MENCÍA, a máis representativa, afrutada, de moderado grao alcohólico e pouco acedo, pero algúns problemas de conservación...

O reto, pois, está en atinar nas cepas que se axeiten mellor ás nosas condicións de clima e chan (quizais a 420 de A. Millardet), en voltar decisivamente ás terras de viñedo de toda a vida, sobre todo nas ladeiras que dan ó sur, por debaixo dos 90 m. de altitude, e en recuperar con decisión os nosos viños de alto prestixio que aínda non desapareceron: o BLANCO LEXÍTIMO e os tintos ROIBAL e SERRADELO.

Con esto e co mantemento de AGUDELO e GODELLO Betanzos acadará doadamente o prestixio de séculos pasados e o noso viño traerá de novo ledicia e prosperidade a todos. Ese camiño estase andando ¡Adiante, pois!

Da augardente hai menos que dicir pola sinxela razón de que está comunmente considerada como das mellores de Galicia.

Pero, baixando a pé de rúa, unha das cousas que máis me impresionan é o ambiente estético. social e espiritual das bodegas, que aínda desafían ó tempo, permanecendo en pé. Semella que entramos nun espacio cuase relixioso, aspecto que ten algo de certeza, posto que a bodega simboliza a interioridade espiritual, a cámara segreda, o recinto do tesouro en sentido místico, tal como aparece no Cantar dos Cantares.

Cando un entra nunha bodega semella que viaxase ó pasado. A súa arquitectura é moi simple, primaria, intemporal. Frecuentemente, catro paredes de pedra e un tellado, ambiente escuro, chan de terra, o lagar ó fondo e, no medio de bocois e de tinallas, unhas mesas de pino. Non hai finuras nin adornos, nin nada do outro mundo, pero está o principal: o viño, o noso viño de Betanzos. Con ese agallo imos alí provistos de tortilla, xamón ou calquera outra cousa das boas que temos, e sentamos á mesa. Conversa solta a cotío e de vez en cando, un groliño. Así é como se debe beber.

Pois ben, hoxe Betanzos é unha gran bodega co ceo por tellado, con moito de comer e máis aínda de beber. Abertos ós catro puntos cardinais recibimos a todos, sexan daquí ou dacolá, con espíritu ledo, o que corresponde á cidade de toda a vida, a que mellor representa o cerne mesmo de Galicia.

¡Viva o viño de Betanzos!

VOLVER