ERIAS «NO CAMIÑO»
C
ando Alfredo Erias me presentou o seu proxecto, «XENTE NO CAMIÑO», inmediatamente lle dixen que tería o meu apoio, porque me parecía moi interesante e único no seu prantexamento. Erias puxo cara de non crer que a cousa fose tan doada, porque, sen dúbida, está afeito a traballar e loitar moito por todo o que fai. Pero a miña decisión non me custou nada, precisamente porque coñezo a súa traxectoria desde hai anos.

Trátase dun home tremendamente polifacético e, sen embargo, moi rigoroso en todo o que fai. Leva máis de vinte anos dirixindo o Anuario Brigantino, que é unha das máis importantes revistas de investigación de Galicia e que edita o Concello de Betanzos. É nesta cidade arquiveiro e bibliotecario e tamén director do Museo das Mariñas, institucións que lle deben moito e que teñen unha gran presenza no contexto cultural galego. Ademais coñezo os seus traballos de investigación histórica e artística, as cinco carpetas de debuxo arqueolóxico da súa autoría, que quedarán como unha referencia, e tamén levo asistido a varias das súas numerosas mostras de pintura e gravado, aspecto no que ten unha longa traxectoria.

Por iso sabía que era o home máis axeitado para levar a cabo un proxecto desta envergadura, onde a arte e unha dose de pedagoxía se dan a man, ó centrar o tema pictórico na imaxe dos galegos da Baixa Idade Media.

Vendo o resultado, creo ademais que esta mostra faranos reflexionar sobre esta vía ou posibilidade (ata agora non explorada) de humanizar a arte contemporánea galega, descubrindo ou redescubrindo de paso a nosa arte medieval. Os estudios sintéticos do propio autor, que explican os elementos que empregou en cada cadro, son toda unha novidade nos catálogos de arte.

Sei que Erias traballou moito para ter a tempo esta mostra, pero confío en que non se lle esgotasen as forzas, de tal maneira que este sexa o primeiro aporte para unha gran colección galega de cadros e imaxes arredor da súa (e da nosa) «XENTE NO CAMIÑO».

Celestino Poza Domínguez
Presidente da Comisión de Cultura,
Educación e Patrimonio Histórico-Artístico

Volver a "XENTE NO CAMIÑO"