OLLAMOS Á «XENTE NO CAMIÑO»
G
alicia está de noraboa co alumbramento da mostra «XENTE NO CAMIÑO» de Alfredo Erias. Porque, de súpeto, atopámonos cun arte novidoso e fresco, que paradoxalmente toma como referencia motivos, formas e cores da nosa Idade Media. Son cadros que chaman ó acercamento, á investigación persoal, conteñen un certo grao de provocación e incítannos a descubrir por nós mesmos o rico mundo agochado nas tebras das nosas igrexas e catedrais.

O motivo central sobre o que xira esta mostra é a imaxe dos galegos da Baixa Idade Media, poñendo o foco no territorio da nosa provincia. Por conseguinte, enfrontámonos ás figuras dos nosos antepasados baixo o filtro da mirada de Erias, un pintor que é tamén historiador, debuxante arqueolóxico, funcionario do Concello de Betanzos como director do seu Arquivo, Biblioteca, Museo das Mariñas e Anuario Brigantino... O home, en definitiva, axeitado para levar adiante semellante proxecto. Cabaleiros, bispos, reis e raíñas conviven á beira de notarios, donas de fermosas vestimentas, músicos de alto e baixo nivel, burgueses varios, acróbatas... Campesiños nas labores propias de cada mes do ano. Peregrinos na noite estrelada e misteriosa da vida...

Unha muller cualificada de «adúltera» e, polo tanto, condenada pola Igrexa, fainos reflexionar sobre o maltrato e a discriminación. E unha festa rachada de alto nivel no Pazo de Xelmírez, ponnos diante dunha empanada do s. XIII, de alimentos e recipientes diversos, é verdade, pero, sobre todo, de códigos e conductas que quizais non nos sexan tan alleas como a primeira vista nos poden parecer.

Para a Deputación Provincial da Coruña e para min como o seu Presidente, é un honor organizar esta mostra e facilitarlle a Alfredo Erias, un home de sobra coñecido no mundo da cultura e da arte galegas, os medios que precise para levala a cabo. A itinerancia polas principais poboacións da provincia ten neste caso sentido, porque, moitas delas de orixe medieval, atoparanse aquí con cousas que lles son propias dentro dunha proposta artística chea de interese.

Salvador Fernández Moreda
Presidente da Deputación
Provincial da Coruña

Volver a "XENTE NO CAMIÑO"