HABITANTE ÚLTIMO
Xa todos se foron...
Un tras outro, o tempo,
implacable, foinos levando.
Marcharon sós, inocentes, todos
co mesmo sosegado estupor...
Inútil resultou a súa loita,
sabíana perdida.
Máis que unha victoria
buscaban o aprazamento
da derrota. Pero nunca
renunciaron á batalla.
Coa mesma fe, co mesmo empeño
cego, co abnegado entusiasmo
de quen pretende
sobre as almenas inimigas
erguer a súa bandeira triunfadora.
Non foi, non podía ser.
Xa todos se foron...
Ficamos orfos de nós mesmos,
náufragos sen porto, sen equipaxe.
Sen outro poder que a nosa
fraxilidade, sen outra forza
que a propia debilidade.
Sós, vulnerábeis, espidos,
agardando a viaxe.
Xulio López Valcárcel
(poema inédito para as
"Praias da
Memoria" de
Alfredo Erias)